Lanzamiento de Galinux
Software Libre No Comments »O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe en Santiago de Compostela o Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas. Esta iniciativa, promovida polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún), dependente da Consellaría e coordinada coa comunidade galega de software libre, xorde co propósito de dar resposta á crecente demanda de recursos e servizos que tanto por parte da cidadanía, como das empresas e de distintos sectores da administración pública galega, viña manifestándose en torno á demanda recorrente dun escritorio ofimático multimedia en galego.
Nun acto no que tamén participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, o conselleiro nacionalista explicou que o seu departamento vén apostando decididamente pola introdución das tecnoloxías libres e os estándares abertos en todos os ámbitos da sociedade galega como factor imprescindible para o establecemento dun modelo sustentable de desenvolvemento económico e social baseado nas TIC, así como para o avance cara á independencia tecnolóxica, tal e como se recolle no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).